lunes, 5 de junio de 2017

O curso vaise.

Última reunión dos lectores na raia (alomenos oficial, porque algo andamos argallando  e seguramente nos encontremos nalgún recreo), e que menos que despedirnos cun bo xantar compartido. Para celebrar o ben que o pasamos neste curso no Club de Lectura "Na raia" decidimos xantar todos e todas xuntos na cafetería da Sangriña, e abofé que pasamos un bo rato.

Despois de xantar subimos á Bibliotrega para comentar a nosa derradeira lectura do curso, El coleccionista de relojes extraordinarios, de Laura Gallego. En xeral esta novela fantástica tivo unha boa acollida, aínda que houbo quen tivo que comezar dúas veces porque se perdía un pouco nos misterios da cidade oculta. Pero nada que un bo reloxo-porta e unha relectura non poida solucionar.

Tamén falamos do que para nós é a gran noticia do curso: convidados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares imos asistir ás X Xornadas dos Clubs de Lectura, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, o vindeiro 17 de xuño. Alí imos ter a sorte de participar en obradoiros de dobraxe, grafitti, teatro, lectura, comic, manga....; actuacións en directo; encontros con autores como Rosa Aneiros, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, César Mallorquí... Xa vos daremos cumprida conta de todo o que imos desfrutar alí.
E así, sen decatarnos, pasaron unha chea de meses e de boas lecturas. Estamos desexando que chegue setembro para incarlle o dente á seguinte obra. 
E vós? Queredes ser lectores na raia no próximo curso? Permanecede atentos, teredes novas...

No hay comentarios:

Publicar un comentario