miércoles, 21 de junio de 2017

Chegou o verán! Ata setembro!


Para rematar a nosa viaxe lectora deste curso, hoxe 21 de xuño recibimos aos alumnos e alumnas de 6º de Educación Primaria do CEIP A Sangriña. Os lectores e lectoras na raia contámoslles o que fixemos durante o curso, os libros que limos, as actividades que compartimos, o noso paso polas Xornadas de Clubs de Lectura...

Os nosos futuros compañeiros e compañeiras escoitáronnos con atención e tamén nos falaron dalgunhas das súas lecturas deste ano, recomendándonos obras como por exemplo Dúas bágoas por Máquina, de Fina Casalderrey.
Gustounos moito compartir ese ratiño con eles, e parece que moitos e moitas xa están dispostos a convertirse en "lectores e lectoras na raia" o próximo curso.
Vémonos en setembro. Dende o club de lectura "Na raia" desexámosvos a todos e todas un fantástico verán cheo de boas lecturas!!!

domingo, 18 de junio de 2017

X XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA. SOMÉRXETE!!!

O sábado 17 de xuño preto dun milleiro de lectores e lectoras dos clubs de lectura de toda Galicia reunímonos no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela para participar nunha xornada de convivencia e formación celebrando que levamos 10 anos de clubs de lectura nos centros de ensino de Galicia.
Os lectores e lectoras "Na raia non quixemos faltar a esta cita e ás 7:00 da mañá estabamos saíndo da Guarda para dirixirnos a Compostela.







Gozamos dunha estupenda xornada, con charlas e obradoiros da man de profesionais da lectura como Ledicia Costas, Xosé Tomás, Fran Alonso, Miguelanxo Prado (Premio Clubs de Lectura deste ano), Rosa Aneiros, Andrea Maceiras, Antón Riveiro Coello, César Mallorquí, e un longo etc.
Houbo obradoiros de banda deseñada, grafitti, dobraxe, radio, encontros con autores, charlas, quedadas entre clubs...
Entre obradoiros puidemos admirar aos artistas de Pista Catro, profesionais do circo e o cabaret que nos deixaron abraiados coas súas actuacións.
Tomamos un xantar ao aire libre grazas a unha chea de food trucks instaladas no exterior do Pazo, e pechamos a xornada cun concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitres que nos levantaron a todos dos nosos asentos.
Foi, certamente, unha xornada insquecíbel!!! Non podemos máis que agradecerlle á Asesoría de Bibliotecas Escolares a súa invitación, felicitalos pola organización e animalos a que sigan a organizar eventos como este, porque como quedou demostrado, os amantes dos libros e a lectura somos milleiros.

martes, 13 de junio de 2017

Lecturas para o verán

Os membros do club de lectura "Na raia" seguiremos a ler no verán, e aquí vos deixamos algunhas suxerencias por se algún de vós se anima. Case todos os títulos os podedes atopar na Bibliotrega. Coidado, ler"engancha"! 😜


lunes, 5 de junio de 2017

O curso vaise.

Última reunión dos lectores na raia (alomenos oficial, porque algo andamos argallando  e seguramente nos encontremos nalgún recreo), e que menos que despedirnos cun bo xantar compartido. Para celebrar o ben que o pasamos neste curso no Club de Lectura "Na raia" decidimos xantar todos e todas xuntos na cafetería da Sangriña, e abofé que pasamos un bo rato.

Despois de xantar subimos á Bibliotrega para comentar a nosa derradeira lectura do curso, El coleccionista de relojes extraordinarios, de Laura Gallego. En xeral esta novela fantástica tivo unha boa acollida, aínda que houbo quen tivo que comezar dúas veces porque se perdía un pouco nos misterios da cidade oculta. Pero nada que un bo reloxo-porta e unha relectura non poida solucionar.

Tamén falamos do que para nós é a gran noticia do curso: convidados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares imos asistir ás X Xornadas dos Clubs de Lectura, no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela, o vindeiro 17 de xuño. Alí imos ter a sorte de participar en obradoiros de dobraxe, grafitti, teatro, lectura, comic, manga....; actuacións en directo; encontros con autores como Rosa Aneiros, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, César Mallorquí... Xa vos daremos cumprida conta de todo o que imos desfrutar alí.
E así, sen decatarnos, pasaron unha chea de meses e de boas lecturas. Estamos desexando que chegue setembro para incarlle o dente á seguinte obra. 
E vós? Queredes ser lectores na raia no próximo curso? Permanecede atentos, teredes novas...